Emblema de  I.N.L.U.D.E.S.

Emblema de la Deputación de Lugo

Complexo Húmido Terra Chá

Complexo Húmido Terra Chá

O Complexo Húmido da Terra Chá (en diante C.H. Terra Chá) encóntrase na Bisbarra da Terra Chá, na provincia de Lugo, ao norte da capital. A bisbarra encóntrase franqueada polas serras orientais. Son 174 km2 de penechaira. O C.H. Terra Chá ocupa os termos municipais de Outeiro de Rei, Cospeito e Castro de Rei e sitúase aproximadamente entre os 380 e os 450 m de altitude. Encrávase na depresión central da bisbarra da Terra Chá, unha extensa zona de lixeira depresión chaira ou levemente ondulada que favorece a aparición de fenómenos hidromórficos que lle confiren a esta paisaxe unha gran riqueza de matices, representada pola gran cantidade de hábitats distintos que se poden encontrar. Os ríos que bañan este complexo nacen ao norte na Serra do Xistral.

Debido ás dificultades de drenaxe que existen na zona, dadas as condicións xeolóxicas presentes, o lento divagar dos cursos fluviais vese condicionado a miúdo pola presenza de múltiples illas e brazos de diferente tamaño, os cales frean a marcha da auga orixinando auténticos remansos. As súas paisaxes son comúns á maior parte da provincia Lugo. Os seus bosques, as súas fragas, as súas amplas masas arbóreas están repletas de carballos, castiñeiros, bidueiros.

Nas súas lagoas e as ribeiras dos ríos existe unha gran biodiversidade, encontrándonos ameneiros, salgueiros e ranúnculos flotantes. Todo o complexo presenta unha riqueza vexetal e faunística abundante. Case un cuarto do espazo protexido está ocupado por masas forestais autóctonas.

Unha zona de moito interese está situada nos denominados "Illotes do Miño", cuxo centro de interpretación situado, na beira mesma do río, permite coñecer máis as particularidades ecolóxicas que se sitúan nestes particulares hábitats fluviais. Estas illas fluviais albergan pequenos bosques autóctonos no seu interior, a través dos cales os visitantes poden realizar tranquilos paseos e gozar dunha clamada xornada escoitando o fluír da auga a través do leito do río.

Estas áreas acumulan no seu ámbito unha vasta riqueza faunística, sobre todo as coñecidas Lagoas de Cospeito e as Lagoas de Caque, nas que se acumulan durante unha gran parte do ano excelsas poboacións de aves migratorias e outras especies residentes. Esta fauna pode observarse con gran facilidade grazas á existencia dunha serie de rutas de sendeirismo que discorren polos seus arredores e rematan nunhas plataformas de observación dende as cales se poden apreciar as marabillas naturais destes conxuntos.

Entre a fauna da zona, destacan exemplares de especies únicas. Algunhas das representacións máis notables da fauna na provincia de Lugo son as aves rapaces, as aves acuáticas, os anfibios, as londras e as troitas, na maior parte dos cursos fluviais existentes.

A agricultura de subsistencia e a gandaría son as actividades principais. O parcelamento da terra é de minifundio, de aí esa paisaxe fraccionada e tan característica da maior parte do territorio galego.

Información sobre el documento

I.N.L.U.D.E.S.
Ronda da Muralla N°140 – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 227 812
E-mail: og.inludes@deputacionlugo.org