Emblema de  I.N.L.U.D.E.S.

Emblema de la Deputación de Lugo

Turismo e Ocio

Turismo e Ocio

Rutas e Sendeirismo

Ruta do Rio Azúmara: No concello de Castro de Rei preparouse, despois de moito tempo, unha ruta de sendeirismo que vai dende o Castro de Viladonga ata a capital municipal, percorrendo as beiras do Río Azúmara durante o seu percorrido por este municipio lucense.

Esta ruta, está ben sinalizada e atravesa unha serie de zonas de monte ata subir ao Cordal e descender a continuación pola beira do río Azúmara, que lle dá nome a esta ruta, acompañando vellos muíños e singulares pasarelas entre outras mostras de arquitectura popular, nun ámbito ateigado de vexetación autóctona galega. O sendeiro conduce o camiñante a través das antigas instalacións da mina de pirita arsenical de Toxeiros Vellos, na que mesmo se acondicionou a boca da galería.

O Castro de Viladonga, que destaca na paisaxe da Terra Chá lucense, se empezou a escavar en 1971 e é un depósito que constitúe un verdadeiro modelo formal de castro característico do Noroeste, con varias murallas e fosos, que albergan dous antecastros e un amplo acrópole ou croa central. Neste recinto principal é onde se encontran a maioría das construcións descubertas ata agora, agrupadas todas elas formando conxuntos ou "barrios" que se organizan en torno a dúas rúas principias e unha rolda paralela á muralla principal.

Despois da visita ao Castro e ao Museo próximo empréndese a senda cun primeiro descenso para introducirse a través do Monte do Cordal, no que hai que realizar unha suba suave e cómoda que nos permite ver á esquerda o Val de Francos orientándose cara ao Miño; pola dereita aldeas mirando para a Serra de Meira onde se distingue O Pedregal de Irimia, punto onde nace o Río Miño. Unha vez que baixa do Cordal pode observarse o paso do Azúmara de forma serpeante coas beiras cheas de bidueiros. Máis adiante, o camiño introdúcese polo Monte dás Penas e diante, ao fondo obsérvase o Pico Cadramón, seguindo o paso para chegar ao Azúmara que ven do seu nacemento polas abas de Montecubeiro no municipio de Castroverde.

O treito final da ruta introduce ao visitante na capital do municipio de Castro de Rei, despois de gozar dunha senda xurdida para a promoción e potenciación dos valores naturais, patrimoniais e turísticos desta bisbarra.

Ruta a Caldaloba: Esta ruta que comeza en Feira do Monte, discorre ao longo de 10 km. A ruta presenta unha escasa dificultade e permítenos visitar o río Támoga cruzando a ponte Felín e percorrendo as aldeas de Curral e Outeiro, non sen antes divisar, na beira contraria, os antigos muíños de Bao. Ao chegar á ponte do Porto (recomendable pola próxima área recreativa), sen chegar a cruzala, o camiño desvíase cara á dereita en dirección á parroquia de Piñeiro, dende a que chegaremos finalmente á fortaleza de Caldaloba, construída no século XVIII.

Ruta de sendeirismo dos "Illotes do Miño": Esta é unha pequena ruta circular que percorre parte das terras dos municipios de Rábade e Outeiro de Rei ao longo de 5,2 km. presentando unha baixa dificultade de realización, xa que a maior parte do camiño non ten ningunha clase de pendente. A ruta parte dende o Centro de Interpretación dos Illotes, situado no concello de Rábade, e remata no mesmo punto, unha vez atravesados os illotes e percorrido parte do veciño municipio de Outeiro de Rei.

O río Miño desdóbrase formando espazos de gran beleza natural, denominados "Insuas" nos que destacan a naturalidade, a grandeza e a espesura dos seus bosques autóctonos. A illa de maior tamaño é a chamada "Illote de San Roque" e está situada no termo municipal de Outeiro de Rei, contando cuns 5 Km. de lonxitude e 220 metros de ancho. Durante o inverno, unha boa parte desta permanece inundada polas augas, mentres que durante o período primavera - outono, a auga descende. Estas condicións, propiciaron que no seu territorio albergue un importante conxunto de hábitats e especies, característicos de ecosistemas acuáticos continentais. Entre eles, cabe destacar diversos bosques de inundación e bosques climáticos. Nestes recónditos lugares adquiren protagonismo pequenos ecosistemas de ribeira que se ocultan entre a frondosa vexetación da ribeira e que constitúen as zonas de máxima protección da reserva.

As outras illas ás que se pode acceder, son de menor tamaño que a anterior, pero mostran tamén unha frondosa vexetación e unha fermosa naturalidade, constituíndo verdadeiros paraísos. O segundo dos illotes, que non son máis que áreas de terra que quedaron entre os brazos do río, é o chamado Illote de Trabanca. Neste Illote sitúase na actualidade un novo tramo de pesca libre sen morte aproveitando que a anchura dos dous brazos de río que forman cada illote, oscila entre os 8 e 12 metros.

Ademais das anteriores tamén se deben citar outras dúas illas que tamén se poden visitar. O "Illote de Arriba ou de Seivane" está situado na parroquia de San Xoán de Parada, e accédese a el doadamente a través da ponte colgante situada na marxe dereita do río Miño. A ponte colgante de Parada está situada entre Gondai e Martul, no municipio de Outeiro de Rei, e do acceso ao Illote, no que hai un refuxio de pescadores e un merendeiro. Esta fermosa illa era practicamente descoñecida, pois está situada nunha zona na que o río Miño vai encaixado e o acceso a esta era difícil. Este dobre illamento favoreceu un bosque autóctono onde especies como os carballos, o acivro e o freixo conviven en harmonía, conservando boa parte da súa beleza natural. Outra das características do ámbito, constitúena a gran cantidade de pequenas cascadas que podemos encontrar.

A outra illa que existe é a denominada "Illote de Santa Mariña ou de baixo" que se encontra situada na parroquia de Cela. Todas elas forman parte do LIC Parga - Ladra - Támoga e da zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, onde este territorio reflicte a perfecta integración entre a paisaxe rural tradicional e importantes ecosistemas de tipo Atlántico.

Camiño do Miño: Esta ruta permite achegarse ata a capital lucense a través do denominado "Camiño do Miño", que se trata dunha gran ruta fluvial que discorre polas beiras do río e que é apta para a práctica do sendeirismo, bicicleta de montaña e paseos ecuestres. Esta senda foi deseñada co obxecto de enlazar entre si os diferentes recursos ligados ao río (tanto culturais, etnográficos, naturais e arquitectónicos), así como os tres Camiños Xacobeo que cruzan a provincia de Lugo (Primitivo, Norte e Francés). Este sendeiro conta cunha lonxitude de 22 km. e é apta para todo o público xa que o seu grao de realización é doado podendo facerse nunhas 5 horas aproximadamente.

Coutos de pesca e caza

Coutos de Pesca

Na extensa rede hidrográfica da zona norte as posibilidades de practicar a pesca deportiva son moi amplas, xa que ao longo do percorrido dos moitos ríos existentes se dispoñen unha serie de zonas acoutadas nas que se pode gozar dunha espléndida paisaxe mentres se realizan capturas da abundante fauna piscícola. Os coutos de pesca que se poden observar nesta área son:

Couto de Támoga: Este couto de pesca acouta o río do mesmo nome no concello de Cospeito durante 8,00 km. establecéndose un límite superior na Ponte de Sistallo e un inferior situado na Ponte de Támoga.

Couto de Terra Chá: Este couto de pesca comprende os municipios da Pastoriza e Castro de Rei e acouta o río Miño durante 13,60 km. fixando o límite superior deste na Ponte de Santandrea (A Pastoriza) e o inferior na Ponte do Condado (Castro de Rei).

Couto de Begonte: O couto de pesca de Begonte abrangue os municipios de Begonte e Outeiro de Rei e acouta o río Ladra durante 11,10 km. Este couto ten o seu límite superior establecido na Ponte da Estrada N-VI e o inferior no canaval de tomas de auga de Rábade e Outeiro de Rei.

Couto de Castro de Rei: O couto de pesca de Castro de Rei encóntrase situado a cabalo entre os municipios de Castro de Rei e Cospeito e disponse nun treito do río Miño que mide aproximadamente uns 9,20 km. O límite superior deste couto está situado na Ponte de P. Outeiro (Castro de Rei) e o inferior en Pontes de Quintela (límite entre os concellos de Castro de Rei e Cospeito).

Couto de Cospeito: Este couto de pesca abrangue parte do territorio dos municipios de Castro de Rei e Cospeito e limita unha zona de pesca no Río Miño duns 14,60 km. de lonxitude, situados entre a Ponte de Xustás (Cospeito) e a Ponte de Ponte Aldea (límite Castro de Rei - Cospeito), que marcan tanto o límite superior coma o inferior.

Couto de Ladra: Este couto de pesca situado no río do mesmo nome establece unha zona de pesca duns 1,90 km. de lonxitude aproximadamente. Establécese un límite superior situado na canle de toma de auga de Rábade e Outeiro de Rei e un inferior na desembocadura do río Miño.

Couto de Ombreiro: Este couto de pesca abrangue os municipios de Lugo e Outeiro de Rey e fixa unha zona de pesca no río Miño durante 9,70 km. Este couto ten un límite superior establecido na presa de Piago (Outeiro de Rei) e un límite inferior situado na presa de Acea do Rei Chiquito (Lugo).

Ademais destes coutos de pesca, tamén se pode realizar a captura de especies piscícolas nun par de tramos de pesca libre sen morte que existen no ámbito da zona norte desta Reserva da Biosfera. Concretamente son dous os tramos de pesca libre:

Tramo do Miño: Situado entre os concellos de Begonte, Outeiro de Rei e Rábade, ten unha lonxitude de 6 km. cun límite superior fixado na Presa do muíño da Trabanca (Begonte e Outeiro de Rei), aproximadamente 300 m. augas abaixo da desembocadura do río Támoga e un límite inferior situado na ponte vella da N-VI (Outeiro de Rei e Rábade).

Coutos de Caza

Para a práctica da caza, existe unha cantidade moi grande de terreos ordenados de forma cinexética (Tecores: terreos cinexeticamente ordenados) dispostos polos municipios que forman parte do C.H. Terra Chá, polo que se pode dicir que esta actividade está ben desenvolvida nesta área.

A abundancia de coutos permite observar unha distribución das capturas en función da situación particular de cada un deles xa que, por exemplo os tecores situados nas áreas máis orientais da provincia son máis propicios para a caza do corzo ou o xabaril, por presentar zonas máis elevadas e cunha maior superficie arborada, mentres que os coutos da zona chaira do centro de Lugo, son máis axeitados para a captura de especies de caza menor, xa que as planicies e as amplas zonas de cultivo atraen en boa medida a coellos, lebres, perdices e outras especies.

Entre os moitos coutos existentes podemos destacar algúns deles, os cales acollen no seu espazo unha boa representación desta fauna de interese cinexético.

Tecor de Santa Isabel en Outeiro de Rei (7.800 hectáreas)

Ademais destas zonas acoutadas, tamén existe a posibilidade de achegarse a algunha casa rural que conta cun couto propio de caza na que se poden facer recechos de corzo, xabarís e mesmo muflóns, dispoñibles ao longo de todo o ano.

Outros Lugares de Ocio

Existen repartidos polo territorio, tres centros nos que se ofrecen visitas guiadas nas que se poden observar diferentes especies animais, resultando interesante unha visita a calquera deles:

Avifauna: Situado na localidade de Bravos, pertencente ao municipio de Outeiro de Rei, a unha distancia aproximada de 15 Km de Lugo, encóntrase o parque ornitolóxico denominado "Avifauna", o cal conta cunha extensión de case 2 hectáreas na que se albergan aves procedentes dos cinco continentes. A observación das aves, está complementada coa información achegada en paneis e carteis descritivos existentes no recinto, a través dos cales, o visitante pode coñecer máis datos acerca de cada unha das diferentes especies que se poden apreciar.

Marcelle Naturaleza: Próximo á cidade de Lugo, nunha incomparable paraxe natural, ao lado do río Miño, existe un terreo de 20 hectáreas de superficie situado no lugar de Marcelle, pertencente ao municipio de Outeiro de Rei, encóntrase o parque "Marcelle Naturaleza". Alí poden considerarse numerosas especies de animais (renos, linces, gamos, dromedarios), situados todos eles en amplos espazos, o máis parecido posible ao seu hábitat natural. Ao longo do parque, poden observarse unha serie de paneis informativos, nos cales se explican as principais características das diferentes especies que se poidan apreciar. Un cómodo paseo, atravesa o terreo, ofrecendo ao visitante un ambiente tranquilo e relaxante.

Club fluvial de Azúmara: Castro de Rei ten lugares pracenteiros e tranquilos para o paseo como é a zona do club fluvial, que se encontra a beiras do río Azúmara xa nos arredores. En datas estivais un pode bañarse nas sosegadas augas coas que o río nos obsequia.

Información sobre el documento

I.N.L.U.D.E.S.
Ronda da Muralla N°140 – 27004 Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 227 812
E-mail: og.inludes@deputacionlugo.org