Fondo cabecera Concello de Negueira de Muñiz
Inicio » Turismo » Historia

Historia e arte

Historia

Durante séculos, este concello de Negueira de Muñiz, xunto co actual municipio da Fonsagrada, formaban o antigo concello de Burón. A cabeza xurisdicional deste concello situábase na Pobra de Burón.

Dos tempos prehistóricos quedan neste concello as medorras de Foxo e as de Vilauxín que corresponden á época megalítica.

A historia propia de Negueira como municipio está enteiramente ligada a D.José Antonio Muñiz Alvarez, natural de Vilar de Ernes, quen loitou por mellorar as condicións da súa terra e apoiou a creación das Sociedades Agrarias. A distancia da capital municipal, o illamento nos meses invernais, a falta de boas vías de comunicación, entre outras cousas, levou a Antonio Muñiz a promover a progresiva independencia administrativa da súa terra natural que, finalmente, logrou coa colaboración dos seus veciños no ano 1925. Como agradecemento á súa persoa e, en menor medida, para evitar confusións con outras entidades locais maiores, no ano 1928 o Concello de Negueira solicitou pasar a denominarse Negueira de Muñiz, cambio aprobado pola Real orde de 2/12/1929.

A historia recente de Negueira está marcada por dous acontecementos: a construción do encoro de Salime e a creción da comuna de Foxo no ano 1977. Coa construción do encoro de Grandas de Salime, na década dos sesenta, o municipio de Negueira viu como as aldeas de Foxo, Vilar, Vilauxín, Cancio e Ernes quedaban illadas do resto do municipio pola falta dunha ponte que as unise. Moitos dos veciños perderon as súas terras e as súas vivendas a cambio de mínimas indemnizacións, véndose na obriga de emigar na súa maior parte á comarca da Terra Chá, onde formaron as colonias de Arneiro e Viega do Pumar. Na década dos anos setenta fundouse a comuna de Foxo, á que chegaron xentes de diversas procedencias. Hoxe en día, a pesar de non estar organizados como comuna, continúan defendendo unha forma de vida libre.

Vestixios arqueolóxicos: medorras do Foxo e Vilauxín; castro do Carballín, castro e castriño da Gamalleira e Pena dos Encantos na parroquia de Santiago de Ouviaño.

O monumento máis destacado de Negueira é o conxunto que forma a iglesia parroquial e a reitoral; o templo, de fins do século XV ou principios do XVI, ten a fachada principal con espadana e a porta alintelada, ademais do típico pórtico de pequenas arcadas con piares. A nave a dúas augas e a planta de cruz latina conforman a súa arquitectura externa. No interior ten dúas capelas nos laterais da nave e unha capela maior cun retablo barroco do século XVIII na que destaca a imaxe do Salvador. O presbiterio está cuberto por unha bóveda de aresta. Na capela norte hai dous retablos dun só corpo; nun deles atópase un Sagrario co Agnus Dei do século XVIII. A capela lateral sur tamén posúe dous retablos, o esquerdo de estilo barroco datado a finais do século XVIII ten unha imaxe do Salvador sedente, románico. Ademais, nesta igrexa consérvase orfebrería como unha cruz de prata do século XIX. Santiago de Ouviaño é outra mostra de arquitectura relixiosa. Trátase dun templo rural de nave rectangular con tellado a dúas augas. No lateral sur un rústico pórtico, lugar de reunión e sala de espera dos fregueses, tal e como testemuña o banco que alberga no seu interior. Dentro, un retablo de fins do século XIX. Continuando coa arquitectura relixiosa son de mención as numerosas capelas que se espallan polo municipio, a maioría conserva a típica entrada con pórtico tal e como se observa nas de Seira, Vilaseca.

A arquitectura civil ten en Negueira un exemplo salientable: a ponte de Boadil, construída a principios do s.XX e formada na súa orixe por un só arco central e nove de apoio. Coa construción do encoro de Salime foi necesario elevalo, superpoñéndolle outro cara a arriba para que tivese máis altura. En canto á arquitectura popular, as casas da comarca responden a unha tipoloxia peculiar con grosos muros de pedra, tellado de lousa a catro augas e amplitude interior. Outra construción típica son os hórreos.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Negueira de Muñiz
Concello de Negueira de Muñiz
Negueira de Muñiz - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 353 303 | Fax: 982 353 314
E-mail: negueira@ya.com